miércoles, 9 de febrero de 2011

Unha empresa despide dúas traballadoras ''por ir ao médico'' tras deixar na rúa un obreiro que secundou a folga


Congelados Sariego, a empresa de Rábade que se colocou na primeira plana da actualidade por despedir un traballador que apoiou a folga do 27 de xaneiro convocada pola CIG, volve estar en boca das denuncias deste sindicato. Segundo denuncia o seu responsable comarcal, Xosé Ferreiro, dúas empregadas da fábrica de conxelados tamén recibiron a súa carta de despedimento, esta vez por ir ao médico: unha quedou sen traballo por pedir unha baixa e a outra por acudir ao servizo de Urxencias ao sentirse indisposta.

A pesar do rechamante dos despedimentos, a CIG di non sorprenderse, xa que a mesma empresa deixou na rúa seis obreiros no 2010 por situacións similares ás denunciadas agora, como "coller baixas médicas ou reclamar calquera cousa". Ademais, este sindicalista precisou que a CIG interpuxo contra o empresario unha querela criminal por un suposto caso de falso testemuño, que sostén que quedou acreditado no transcurso dun xuízo. Ferreiro pormenorizou que o empresario "enganou" un traballador facéndolle asinar unha liquidación para que non cobrase unha indemnización. "Isto quedou acreditado no xuízo por despedimento e o propio xuíz derivou as actuacións á fiscalía para que interviñese".

Así as cousas, o último despedido de Congelados Sariego fora o traballador que comunicou a súa intención de secundar o paro xeral do 27 e explicou a un grupo de compañeiras a pertinencia de apoiar a mobilización. Ao día seguinte o seu xefe explicoulle que estaba despedido "por incentivar condutas que non son adecuadas". Ferreiro considera "inadmisible" este tipo de comportamento, polo que xa avanzou que o sindicato ao que representa recorrerá o despedimento e promoverá mobilizacións contra esta empresa que conta con dous centros de traballo, pescadería e transporte, onde están empregados uns 70 traballadores.


BOICOT CONXELADOS SARIEGO

STOP TERRORISMO EMPRESARIAL!