domingo, 16 de enero de 2011

Organizacion Obreira e Popular 27 Xaneiro.


Os sindicatos chamados "maioritarios", a continuación bicefálica do verticalismo franquista, pactista e interclasista, retrasaron ate a extenuación unha folga xeral que chega tarde, mal e arrastro... unha folga que non querían chegar a convocar. Durante décadas foron asinando sucesivas medidas antiobreiras da man de supostos gobernos obreiros e socialistas, supostos gobernos amigos. Cada dia temos máis e máis claro que a clase traballadora non ten amigos nin entre a casta política, nin entre a burocracia sindical.

Esa mesma burocracia sindical que contribuiu a un recorte progresivo dos dereitos conqueridos durante máis dun século de loita obreira e que, cando xa non queda máis a que renunciar e a clase obreira está completamente desmovilizada, resulta completamente inútil a ollos da élite dirixente. Unha burocracia sindical egoísta, rastreira e completamente deslexitimada que, agora que ameazan con recortar aos seus sindicatos, lanza unha pataleta de órdago de 24 horas coa intención de facer-se notar e manter sequera os seus privilexios.

A cuestión é que non chegamos a tempo, non fumos quen de defender as nosas conquistas frente aos embistes neoliberais da globalización capitalista, deixámonos enganar e levar como parv@s. Daria risa se non fora unha vergoña o ver a algunha xente traballando a prol da folga xeral, cando hai ben pouco estaban facendo a campaña electoral do goberno que está levando adiante este ataque contra a clase traballadora. Máis nunca é demasiado tarde para comezar a organizarse e loitar polos nosos dereitos e as nosas libertades, por recuperar os que perdemos e por acadar aqueles que restan por conquerir ate a revolución social, ate a utopía final.

Se esta folga xeral resulta un fracaso, seremos a clase traballadora quen perda unha vez máis. O traballo que, non nos enganemos, xa é precario, pasará a desenvolverse nunhas condicións de auténtica escravitude; pois cada medida do goberno fai que os novos traballadores estén máis expostos ao despedimento, aos traslados, ao alongamento da xornada de traballo, á intercambiabilidade de funcións, en resumo, ao capricho do empresariado máis ruín e trapalleiro de toda Europa. Un éxito sería que as élites do sindicalismo oficial se visen superad@s neste 27 X, iso si sería un bó comezo para un auténtico proceso de autoorganización obreira e popular.

Está nas nosas mans. O 27 de Xaneiro, xogámonos máis do que pensamos, máis o importante virá despois. Tod@s á rúa !