miércoles, 9 de marzo de 2011

Segue a sair informacion da trama dos burdeis.

Documentación do Queens foi esnaquizada na custodia do local

Algún axente fixo un boneco e colgouno dunha fiestra

A medida que vai transcorrendo o tempo comezan a coñecerse algunhas das trabas e dificultades impostas á investigación da operación Carioca. Un xulgado lucense tivo que abrir dilixencias previas por un presunto delito de obstrución á xustiza como consecuencia, entre outras cuestións, de que documentación que estaba no interior do club Queens, do Ceao, foi esnaquizada mentres o establecemento estaba a ser custodiado día e noite por axentes dos corpos e forzas de seguridade por petición da xuíza do caso. Ademais, sóubose que presuntamente algún axente preparou un boneco con diversas roupas e colgouno do local que servía de sede social á suposta trama dos bordeis.

As molestias que ocasionaba a investigación motivaron que a xuíza fose obxecto de numerosas cambadelas. Unha delas foi a ocorrida no Queens. Ante os constantes incendios que se estaban producindo no Eros, a xuíza pediu vixilancia 24 horas no club do Ceao, entre outras razóns porque aínda tiña pendentes de realizar algunhas inspeccións dentro do mesmo.

A pesar desa vixilancia constante, os investigadores puideron comprobar como, polo menos nunha ocasión, documentos que estaban no establecemento apareceron rotos e tirados no chan xunto con botellas, roupas que había nos cuartos e ata excrementos. Esta preocupante situación motivou que fosen abertas de inmediato dilixencias previas por obstrución á xustiza porque se considera que o único que se pretendía era pór trabas ou ocultar probas á xuíza. Ao parecer, algunhas persoas xa declararon sobre o acontecido e outras poderían ser chamadas en breve.

Pero é que, ademais, en plena vixilancia policial, foi colgado un boneco, preparado con roupas e outros materiais, dunha das fiestras do establecemento. Tendo en conta que a vixilancia era permanente, todo apunta a que este obxecto supostamente chegou a ser confeccionado por algún axente. Sobre este particular tamén está aberta unha investigación xudicial.

Do ocorrido no bordel do Ceao foron informadas diversas autoridades....